Thursday 16 de May de 2024

A rapazada de Fene olla o amor e as relacións de parella desde a óptica real


A Concellaría de Benestar Social e Igualdade do Concello de Fene, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller e Promoción da Igualdade, continúa co ciclo de actividades enmarcadas en torno ao 25 de novembro “Día Mundial Para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres”. Comezaron nos centros escolares de secundaria de Fene unha serie de obradoiros dirixidos ao alumnado de 3º e 4º da ESO titulados “Desmitificando o Amor Romántico”. Neles abórdase o concepto das relacións de parella baseadas no respecto e na confianza, a diferenza do que venden a publicidade, os medios e o cine.

En total participan 16 grupos de mozas e mozos de 3º e 4º curso de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) do IES Fene, CPI A Xunqueira e CPR Jorge Juan. As sesións buscan, ademais, transmitir valores igualitarios e non discriminatorios por razón de sexo ou xénero, coa finalidade de reforzar unha educación libre de estereotipos propios do patriarcado sociocultural, así como a difusión dunha cultura baseada na igualdade.

Cada Obradoiro terá unha duración de 60 minutos, nos que as rapazas e rapaces asistentes irán recibindo información e compartindo vivencias de xeito que coñezan as realidades e vaian despexando dúbidas e cuestionando estereotipos e falsas crenzas. Todo envolto nun ambiente lúdico, participativo e libre de crítica.

O “amor romántico” -transmitido a través da música e de filmes como toda a saga “Crepúsculo” que tanto éxito colleita entre a mocidade- funciona “como unha sutil e eficaz ferramenta do patriarcado e do capitalismo” que axuda a perpetuar as relacións de dominación e control sobre as mulleres. Neste sentido, desde a Concellaría de Benestar Social destácase a importancia de “ver que as mulleres son persoas enteiras e autónomas sen necesidade de medias laranxas, nin príncipes, nin mentiras que as forcen a abandonar a súa propia vida”.

As actividades programadas tamén inciden “na diversidade que pode existir nas formas de amar e de como construír relacións de amor máis sans sempre baixo o consenso, o coidado, a confianza e o respecto cara a elas mesmas e cara ás demais persoas”. Por outra banda, nas sesións tamén se falará sobre ese novo xeito de exercer o control que supoñen as redes sociais e os dispositivos móbiles, nomeadamente a rede Instagram -a máis utilizada actualmente pola adolescencia- e o Whatsapp.